- UN CENTENAR DE EXPERTOS CONDUCIRÁN OU PARTICIPARÁN NA REALIZACIÓN DAS DISTINTAS ACTIVIDADES DESTA IV FEIRA PROFESIONAL DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA, QUE SE CELEBRA DO 2 AO 4 DE MARZO
- A CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL ORGANIZARÁ NO MARCO DO CERTAME UNHA XORNADA FORMATIVA E INFORMATIVA PARA A INCORPORCIÓN DE PERSOAS XÓVENES AO RURAL E TAMÉN DIVERSAS SESIÓNS GASTRONÓMICAS CON PRODUTOS GALEGOS CON INDICATIVO DE CALIDADE
Silleda, 27 de febreiro de 2023.- Máis de corenta conferencias, concursos, demostracións e degustacións de produtos agroalimentarios conformarán o programa da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, a cal se celebrará do 2 ao 4 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA.
As conferencias terán un papel destacado pola súa diversidade, actualidade e interese para o sector, convertendo ao certame nun atractivo foro de análise e coñecemento. Así, acollerá o XXV Monográfico de Gando Porcino e as Xornadas de Cunicultura, ademais de conferencias sobre nutrición animal e manexo para a redución de medicación en gandería, valorización de xurro, xeración de enerxía térmica e eléctrica a partir de residuos avícolas, redución de consumo enerxético dunha explotación, transformación de sistemas clásicos de explotacións a un agroecosistema sostible e san, particularidades sobre razas gandeiras, agricultura 4.0 e tamén as principais novidades da campaña da PAC 2023.
Este último tema sobre Política Agraria Común abordarase nunha xornada organizada por ABANCA e conducida por José Luis Acción, xefe de servizo de Axudas Agrícolas da PAC, Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) da Xunta de Galicia.
Os concursos tamén contarán con gran importancia na feira, celebrándose os morfolóxicos XXXVI Open Internacional e XXXI Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 165 exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña, País Vasco e Castela e León; XIV Concurso Internacional de Preparadores de Gando e XXXVI Concurso de Xóvenes Manexadores. Así mesmo, levaranse a cabo dous concursos que premiarán innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, o Abanca GandAgro Innova e o Máquinas Destacadas.
Ademais, no ring do recinto realizaranse diversas demostracións de agricultura 4.0, centradas en sincronización de máquinas e autoguiado.
Serán un centenar de expertos de distintos ámbitos dos sectores da maquinaria, a agricultura e a gandería os que conduzan ou participen na realización das actividades.
Participación activa da Consellería do Medio Rural
A Consellería do Medio Rural, membro do comité organizador de Abanca Cimag-GandAgro, participará activamente no seu programa de actividades, sumando interesantes propostas.
No campo formativo celebrará unha xornada, organizada pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para a incorporación de persoas mozas ao rural.
Esta formación, que se materializará o xoves, 2 de marzo, ás 10:00 horas, versará sobre os principais fitos na execución do Plan empresarial e a xustificación da concesión das achegas de incorporación de persoas mozas á actividade agraria. Tamén se incluirán temas como o novo regulamento no sector agrario, cadernos de explotación e incorporacións de éxito no medio rural, entre outros.
Ademais, por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, levarase a cabo unha Aula de Experiencias de Calidade, na que se desenvolverán actividades de cociña en directo coa degustación de produtos. Estas actividades serán dirixidas polo chef José Luis Mallón, da empresa Remollo, en colaboración co persoal dos consellos reguladores implicados.
En concreto, esta Aula de Experiencias de Calidade albergará ata catro “sesións gastronómicas” con produtos galegos con indicativo de calidade: Ternera Gallega, Lacón Gallego e os catro queixos con denominación de orixe –isto é, Cebreiro, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Queixo tetilla–.
As sesións repetiranse diariamente todos os días da feira cunha duración aproximada dunha hora, acompañadas de viños galegos con denominación de orixe e pan das indicacións xeográficas protexidas Pan Galego e Pan de Cea.









