Alta xenética e 159 exemplares de España e Portugal nas competicións de vacún frisón de Abanca Cimag-GandAgro 2025

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • SERÁ NO XXXIII CONCURSO AUTONÓMICO E O XXXVII INTERNACIONAL, OS CALES SE LEVARÁN A CABO NA ÚLTIMA XORNADA DA FEIRA, O 22 DE FEBREIRO
  • NESTA EDICIÓN HOUBO UN NOTABLE AUMENTO EN PREMIOS E AXUDAS Á PARTICIPACIÓN
  • ORGANIZADO POLA FEDERACIÓN FRISONA GALEGA (FEFRIGA) XUNTO COA FUNDACIÓN SEMANA VERDE, O PROGRAMA DESTA RAZA TAMÉN CONTARÁ CO XLII CONCURSO DE XÓVENES MANEXADORES E O XX DE PREPARADORES

Silleda, 10 de febreiro de 2025.- Un total de 159 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de catro Comunidades españolas e Portugal están inscritos nos concursos morfolóxicos desta raza na V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025. Esta celebrarase do 20 ao 22 de febreiro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra).

O XXXIII Concurso Autonómico da Raza Frisoa FEFRIGA´25, patrocinado por Xenética Fontao, contará cos exemplares máis destacados de Galicia. Competirán 102 reses, das cales 33 proceden da provincia de Lugo, 36 de A Coruña e 33 de Pontevedra.

Pola súa banda, o XLII Open Internacional da Raza Frisoa GandAgro´25 converterase unha vez máis en punto de encontro da mellor cabana bovina. Conta coa inscrición, ademais dos 102 exemplares galegos do Concurso Autonómico, doutros 20 de Cantabria, 8 de Asturias, 10 de Cataluña e 19 de Portugal. Suman así 159 animais rexistrados.

Maiores premios

Os exemplares participantes competirán polos títulos de Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e polo de Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador Autonómico e Mellor Criador Internacional tanto absoluto como de xovenca, ademais de Mellor Gandería de Nova Participación.

En canto aos galardóns, os de xovenca e vaca Gran Campioa de Galicia, e tamén de Mellor Criador absoluto e de xovenca de Galicia, serán patrocinados por Xenética Fontao e Abanca. Pola súa banda, o premio á vaca Gran Campioa Internacional estará patrocinado por Abanca, mentres que o de xovenca Gran Campioa Internacional estarao por Ucoga. O de Mellor Criador Internacional contará co patrocinio de Delagro.

Ademais de incrementar as axudas á participación, nesta ocasión incrementáronse notablemente os premios no XXXVII Open Internacional. Así, a xovenca gran campioa pasará a recibir 1.200€, o dobre, mentres que a vaca gran campioa pasará a 2.500€, un 150% máis. Así mesmo, as subcampioas recibirán premio en metálico por primeira vez, con 600€ no caso da xovenca e 1.000€ no da vaca.

En canto ao XXXIII Concurso Autonómico, mantén os premios cos que pretende continuar recoñecendo tanto a gañadores como a segundos postos en todas as súas categorías. Así, a xovenca gran campioa recibirá 600€ e a vaca gran campioa 1.000€, mentres que nos campionatos menores os premios serán de 150€ no caso do exemplar gañador e de 50€ no segundo posto. Ademais, os criadores teñen premio en metálico, recibindo o mellor criador autonómico 600€ e o segundo 300€, e tamén obtendo o mellor criador de xovenca 300€ e o segundo 150€.

Organizados pola Federación Frisoa Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, estes concursos celebraranse o día 22 de febreiro.

Xóvenes manexadores e preparadores, con novidades

Ademais destas prestixiosas competicións, en Abanca Cimag-GandAgro 2025 celebrarase, tamén centrado na raza frisoa e da man de FEFRIGA, o XLII Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luis Louzao”, no cal o día 21 de febreiro os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Mapfre patrocinará esta competición.

Por outra banda, o mesmo día, engadirase o XX Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´25, patrocinado por Delagro, no que os participantes medirán a súa destreza preparando aos animais para logo presentalos.

Como novidade, estas dúas competicións inclúense no Campionato Puntuable Clube Xóvenes Gandeiros de Galicia 2025, o cal se puxo en marcha o ano pasado e está patrocinado pola cooperativa Clun. Así, os gandeiros ata 25 anos participantes nestas competicións de Abanca Cimag-GandAgro sumarán os puntos que consigan aos que reciban noutros dous certames centrados en manexo e pelado que se celebrarán en 2025 en Galicia, os cales serán o de Moexmu, en Muimenta (Lugo) e o de Feiradeza (Lalín).  Sumaranse as puntuacións das tres citas e os seis primeiros con maior puntuación participarán no campionato internacional que terá lugar en Bruxelas, o cal xa o ano pasado gañou no seu debut o equipo galego, o cal representaba a España.