- A conselleira do Medio Rural anunciou que hoxe mesmo se fará efectiva a primeira parte dos pagos das axudas para a incorporación de mozos e de novos agricultores á actividade agraria, que ascende aos 10 millóns de euros
- Asegurou que a tecnoloxía é “aliada do sector agrogandeiro” e referiuse á conectividade, á robótica e á intelixencia artificial como “unha gran axuda” para gandeiros e agricultores
- Adiantou que se analizarán as inquedanzas do sector “que son compartidas polo Goberno da Xunta” e asegurou que se seguirá a apostar por eidos como a remuda xeracional, a mobilización de terra, a transmisión das explotacións ou a formación
Silleda (Pontevedra), 21 de febrer1o de 2025.- A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou este mediodía na inauguración da V Edición da feira agropecuaria Cimag-Gandagro, onde resaltou a posición de Galicia como potencia do eido primario no ámbito nacional e internacional. Exemplificouno co liderado da nosa comunidade en sectores como o lácteo, o cárnico, o forestal, o hortofrutícola ou o floral. Ademais, afirmou que Galicia está a desenvolver unha potente “industria, xenética, fitosanitaria e nutricional cada vez máis salientable” e asegurou que no ámbito da maquinaria e o equipamento existe unha fonte “moi importante de emprego”.
De seguido, anunciou que hoxe mesmo se fará efectiva a primeira parte dos pagos das axudas para os 320 expedientes de incorporación de mozos (ata os 40 anos) e os 133 de novos agricultores (de 41 a 55 anos), cuxo orzamento ascende a máis de 10 millóns de euros. Cabe sinalar que estas achegas abóanse en dous pagos, un primeiro do 60% e un segundo do 40%, que se efectúa logo de verificar a correcta execución do plan empresarial.
Nese sentido, salientou a importancia destas achegas, que favorecen a remuda xeracional e garanten un futuro no medio rural rendible e sustentable. A conselleira sinalou que este tipo de medidas vólvense máis eficaces grazas ao bo facer dos agricultores e gandeiros da comunidade e da industria agropecuaria, que propiciaron unha “evolución incuestionable na agricultura e gandaría de Galicia”.
María José Gómez asegurou que a tecnoloxía é “aliada do sector agrogandeiro”. Referiuse á conectividade, á robótica e á intelixencia artificial como “unha gran axuda” para gandeiros e agricultores, que potencian a eficiencia das explotacións, incrementan a produtividade e melloran a calidade de vida dos profesionais.
Asemade, adiantou que se analizarán as inquedanzas do sector “que son compartidas polo Goberno da Xunta”. Seguindo esta liña, asegurou a aposta por eidos como a remuda xeracional, a mobilización de terra agraria, a sanidade animal, a transmisión das explotacións, coa recente posta en marcha do Banco de Explotacións; ou a formación. De feito, no marco da celebración desta feira, alumnado de varios dos Centros de Formación e Experimentación Agraria, dependentes da Consellería do Medio Rural, visitarán este evento como actividade complementaria aos seus estudos.
Posteriormente, María José Gómez realizou un amplo percorrido polos expositores de Cimag-Gandagro, no que estivo acompañada polos directores xerais da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
Inauguración da xornada sobre sanidade animal
Cimag-Gandagro conta cun amplo programa de actividades formativas centradas no sector agropecuario galego. Neste contexto, José Balseiros, participou esta mañá na inauguración da xornada técnica sobre sanidade animal organizada pola Consellería do Medio Rural. Seguindo esta liña, puxo en valor o traballo levado a cabo polo seu departamento nesta materia e asegurou que manter o status sanitario da cabana gandeira é unha prioridade para o Goberno autonómico.
A xornada contou cun relatorio conducido polo xefe do Servizo de Sanidade Animal da Consellería, Jesús Orejas, sobre a situación da EHE e a lingua azul na nosa comunidade.
Experiencias de calidade
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria está presente na celebración desta edición da Feira Cimag Gandagro a través dunha aula de “Experiencias de Calidade”, con catro actividades diarias de cociña en directo con degustación de produtos. As sesións van acompañadas dun servizo de viños galegos con Denominación de Orixe -Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas-, xunto con Pan Galego e Pan de Cea.









