Abanca Cimag-GandAgro volverá conectar ao sector agropecuario coas solucións máis innovadoras do 25 ao 27 de febreiro de 2027

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • A DATA DESTA SEXTA EDICIÓN FOI FIXADA HOXE POLO COMITÉ ORGANIZADOR DO CERTAME NUN ENCONTRO QUE TIVO LUGAR NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
  • DURANTE A REUNIÓN OS ASISTENTES MOSTRARON A SÚA SATISFACCIÓN COS RESULTADOS DA PASADA CONVOCATORIA E CO VALOR DA FEIRA COMO PUNTO DE ENCONTRO E ESPAZO DE NEGOCIO PARA O SECTOR

Silleda, 29 de xaneiro de 2026.- A VI Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, celebrarase na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra) do 25 ao 27 de febreiro de 2027. Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión mantida esta mañá no recinto feiral.

No encontro tamén se analizaron os resultados da pasada convocatoria e abordáronse outros aspectos relativos á organización do certame en 2027, para comezar proximamente a súa promoción e comercialización.

A reunión contou con representantes de diversas entidades, empresas e cooperativas con gran peso no sector, como son a Federación Frisoa Galega (FEFRIGA) e Africor Pontevedra, Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda, Federación Galega de Porcino (FEGAPOR), Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC), Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela, Cooperativa Aira, Cogal Sociedade Cooperativa Galega, Delagro, Delaval Equipos, Gea Farm Technologies Ibérica, Hitraf, Lely, Prefabricados Faro e Tractor Import, ademais da entidade financeira ABANCA.

Unha cita de referencia

Os participantes na reunión coincidiron en destacar a feira como punto de encontro e espazo de negocio para o sector, ademais de valorar de forma xeneralizada a última edición como positiva, con mellores resultados e unha boa evolución no perfil profesional do público.

En canto á súa última cita, que tivo lugar do 20 ao 22 de febreiro de 2025, reuniu a 508 firmas expositoras de 26 países, un 20% máis que na anterior edición, das cales 174 eran expositores directos, un 3,5% máis, que procedían de cinco países. O certame ocupou os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2, supoñendo unha superficie bruta superior aos 25.500 metros cadrados e neta de 11.648 metros cadrados. En canto aos visitantes que acudiron a coñecer as propostas da súa exposición e a participar nas máis de 40 actividades programadas, ascenderon a 19.813, un 4,3% máis.