A elite do vacún frisón volverá reunirse nos concurso da feira Abanca Cimag-GandAgro 2027, que será do 25 ao 27 de febreiro

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • LEVARANSE A CABO OS MORFOLÓXICOS XXXV CONCURSO AUTONÓMICO E XXXVIII OPEN INTERNACIONAL, ADEMAIS DO XLVI DE XÓVENES MANEXADORES E XXIV DE PREPARADORES DE GANDO
  • A FUNDACIÓN SEMANA VERDE DE GALICIA E A FEDERACIÓN FRISONA GALEGA (FEFRIGA), DESEÑAN XA ESTAS COMPETICIÓNS, CUXAS INSCRICIÓNS SE ABRIRÁN PROXIMAMENTE

Silleda, 5 de novembro de 2026.- A VI Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, a cal se celebrará do 25 ao 27 de febreiro de 2027 na Feira Internacional de Galicia ABANCA, será unha vez máis o gran escaparate da calidade e potencial do vacún frisón a través da celebración dos concursos desta raza.

Organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, terán como eixos principais os concursos morfolóxicos, os cales se levarán a cabo o 27 de febreiro. Estes serán o Concurso Autonómico da Raza Frisoa Fefriga, o cal cumpre a súa trixésimo quinta edición, e o Open Internacional da Raza Frisoa GandAgro, que chega á súa trixésimo oitava convocatoria.

Os exemplares participantes competirán polos títulos de Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e polo de Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador Autonómico e Mellor Criador Internacional tanto absoluto como de xovencas, ademais de Mellor Gandería de Nova Participación.

A estes certames sumarase o venres 26 de febreiro, o XLVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luis Louzao”, no cal os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Engadirase, o mesmo día, o XXIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´27, no que os participantes mostrarán a súa destreza preparando ao gando que logo se presentará en pista. Ambas as citas estarán organizadas unha vez máis polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia en colaboración con Fefriga e a Fundación Semana Verde de Galicia.

A súa organización, xa en marcha

As entidades organizadoras deseñan xa todas estas competicións, as cales conta con Xenética Fontao como un dos patrocinadores principais deste punto de encontro da mellor cabana frisoa. As súas inscricións abriranse proximamente.