As claves para valorizar o xurro ou como obter 20.000 euros anuais optimizando o seu potencial fertilizante, na feira Abanca Cimag-GandAgro

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • O CERTAME ACOLLERÁ XORNADAS TÉCNICAS CENTRADAS NO POTENCIAL FERTILIZANTE DESTES RESIDUOS E TAMÉN NO SEU USO PARA A OBTENCIÓN DE ENERXÍA TÉRMICA E ELÉCTRICA
  • NA MESMA LIÑA DE OPTIMIZACIÓN DE RECURSOS DESENVOLVERANSE CONFERENCIAS SOBRE REDUCIÓN DE CONSUMO ENERXÉTICO OU TRANSFORMACIÓN A UN AGROECOSISTEMA SOSTIBLE
  • ESTA CITA PROFESIONAL DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA CELEBRARASE DO 2 AO 4 DE MARZO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 26 de febreiro de 2023.- A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, será do 2 ao 4 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA un interesante foro para a análise, a información e o intercambio de coñecementos,

As súas xornadas técnicas contribuirán de forma esencial a iso. E dentro da súa programación, serán moitos os temas de actualidade que se abordarán. Entre estes, a valorización dos xurros terá un peso importante a través de dúas xornadas técnicas.

Unha delas centrarase na optimización do potencial fertilizante dos xurros que permiten as novas tecnoloxías, supoñendo un aforro moi importante noutro tipo de fertilizantes, ademais de conseguir un impacto positivo sobre o medio ambiente. Baixo o título “Valorización do xurro: como obter 20.00 euros ao ano co xurro de 100 vacas ou 1.000 porcos”, estará organizada por Maquinaria Agrícola Plumed e será impartida por Juan López, enxeñeiro agrónomo e CEO de Agrointelligent, ademais de autor de guía “Valorización do xurro”.

A outra das conferencias correrá a cargo da Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA). Titularase “De residuo a recurso: xeración de enerxía térmica e eléctrica a partir de residuos avícolas. Proxecto Avienergy” e centrarase neste proxecto, consistente nun grupo operativo supra-autonómico que promove un aproveitamento máis eficiente dos residuos xerados na actividade avícola, a través da valorización das dexeccións xeradas nas explotacións avícolas para a obtención de enerxía térmica e eléctrica para as propias granxas e de materiais fertilizantes para o aproveitamento de nutrientes en chan.

Sustentabilidade e aforro enerxético

Na mesma liña de optimización dos recursos estarán outras dúas xornadas que terán lugar no marco da feira e estarán organizadas pola empresa SGS.

A primeira dela versará sobre como reducir o consumo enerxético nunha explotación, abordando o potencial de aforro e optimización enerxética grazas á implantación de enerxía fotovoltaica cun sistema de monitorización de enerxía. Será conducida por Pablo Sánchez, de Desenvolvemento Técnico en Enerxías Renovables e Mobilidade Eléctrica de SGS.

A segunda centrarase na transformación de sistemas clásicos de explotacións a un agroecosistema sostible, san e circular. Abraham González, de Desenvolvemento Comercial de SGS presentará solucións en canto a benestar animal, garantías de produto primario, sustentabilidade social e ambiental e cadea de subministración sostible.