- FOI EN SENLLAS XORNADAS TÉCNICAS CELEBRADAS ESTA MAÑÁ NO MARCO DESTA FEIRA PROFESIONAL DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA, A CAL REMATA ESTA TARDE
Silleda, 4 de marzo de 2023.- A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, a cal remata hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA converteuse durante tres días en espazo de análise da actualidade do sector agropecuario.
Esta mañá foron os profesionais da cunicultura e as razas autóctonas en perigo de extinción os que contaron con conferencias específicas.
Así, a cooperativa Cogal organizou unha xornada monográfica sobre cunicultura. O primeira dos relatorios centrouse na organización intersectorial cunícola Intercún como ferramenta ao servizo da cunicultura e foi impartida por Mª Luz de Santos, xerente desta organización.
A continuación, deuse a coñecer a nova lexislación veterinaria e antimicrobianos, facendo fincapé nos requisitos para uso en profilaxe e as súas consecuencias en cunicultura. Fíxoo Cristiana Teixeira, veterinaria da unidade de coordinación do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN) da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.
Razas autóctonas ameazadas
Tamén esta mañá a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) impartiu a relatorio “PAC 2023-2027 e Razas Autóctonas Ameazadas”. Unha xornada informativa para os socios de razas autóctonas cuxo obxectivo era informar sobre a recente publicación de numerosa lexislación nacional sobre a nova Política Agraria Común – PAC, que se aplica en España desde do 1 de xaneiro. Nela deuse resposta ás dúbidas que expuxeron os criadores de razas autóctonas pertencentes a BOAGA e tamén da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Razas Galega (PURAGA), co fin de que poidan planificar a súa gandería nos próximos 5 ou 7 anos, tanto a nivel de PAC como dos plans de cría das distintas razas autóctonas.
José Ramón Justo Feijóo, director xerente de BOAGA foi o encargado de conducir esta xornada.