- A COMPETICIÓN CONTOU CON 31 PARTICIPANTES DE GALICIA, ASTURIAS, CANTABRIA E BALEARES
- CELEBROUSE ESTA TARDE NESTA IV FEIRA PROFESIONAL DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA
- ESTA MAÑÁ LEVOUSE A CABO O XIV CONCURSO INTERNACIONAL DE PREPARADORES DE GANDO E MAÑÁ SERÁ A QUENDA DOS MORFOLÓXICOS XXXVI OPEN INTERNACIONAL E XXXI AUTONÓMICO DA RAZA FRISONA
Silleda, 3 de marzo de 2023.- Llorenç Bosch Pons, de Ciudatella de Menorca (Baleares), venceu esta tarde no XXXVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, o cal se celebrou no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023. Esta ten lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA ata mañá sábado.
A subcampioa nesta edición foi Lorena Iglesia Vila, de A Pastoriza (Lugo), a cal tamén acadou o segundo posto esta mañá no XIV Concurso Internacional de Preparadores de Gando Frisón. En canto á Mención de Honra foi para Javier García Sánchez, de San Vicente de la Barquera (Cantabria).
Organizado pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, o concurso ten como obxectivo que os participantes demostren a súa habilidade na presentación en pista dos animais. O bo manexador é aquel que coñece á perfección a morfoloxía dos seus animais e despois dunha correcta doma, preparación e pelado, é capaz de facer resaltar as virtudes do exemplar que presenta, minimizando ao mesmo tempo os posibles defectos que poida ter.
Ao concurso, patrocinado por Mapfre, concorreron 31 participantes de Galicia, Asturias, Cantabria e Baleares. Foron xulgados por Brian Carscadden, da Asociación Holstein de Canadá.
Xóvenes Preparadores
Esta mañá tivo lugar o XIV Concurso Internacional de Preparadores de Gando Frisón. Lorena Rodríguez Alvite, da gandería Melchora, de A Pastoriza (Lugo), resultou gañadora. A subcampioa foi Lorena Iglesia Vila. En canto á Mención de Honra recaeu en Xabier Montes Vilar, da gandería Casa do Rei, de Rodeiro (Pontevedra).
Mañá será a quenda dos prestixiosos concursos morfolóxicos XXXVI Open Internacional e XXXI Autonómico da Razas Frisoa, nos que participan 165 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela-León e Cataluña.