A feira Abanca Cimag-GandAgro 2023 multiplica hoxe o seu programa de xornadas e demostracións

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • PORCINOCULTURA, VALORIZACIÓN DO XURRO, AGRICULTURA DE PRECISIÓN CON MILLO FORRAXEIRO EN GALICIA OU AGRICULTURA4.0 SON ALGÚNS DOS ASPECTOS CENTRAIS DESTAS ACTIVIDADES
  • ESTA IV FEIRA PROFESIONAL DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA CELÉBRASE DESDE HOXE E ATA MAÑÁ NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 3 de marzo de 2023.- A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, a cal se celebra desde onte e ata mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA, é estes días un interesante espazo de análise da actualidade do sector agropecuario a través dun completo programa de xornadas técnicas.

Estas conferencias teñen hoxe unha especial presenza na programación da feira. Así, esta mañá tivo lugar o XXV Monográfico de Gando Porcino, organizado pola ADS de Gando Porcino de Silleda e presentado polo presidente desta entidade, Pablo Meijomín. No seu marco abordáronse os retos do sector nunha contorna desafiante, por parte de Miguel Ángel Higuera, director da Asociación Nacional de Produtores de Ganado Porcino (ANPROGAPOR). Así mesmo, explicouse como afrontar na práctica a nova lexislación ambiental nas explotacións porcinas. Os encargados foron dous responsables de medio ambiente da cooperativa Coren e a empresa Nudesa, David Pereira e Marcos Fuentes, os cales estiveron acompañados de Pablo Meijomín.

Por outra banda, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) abordou tres interesantes temas noutras tantas xornadas. Na primeira, centrada na importancia da dieta e o manexo para a redución de medicación en gandería, Lucía Lloret, directora de Innovación e Proxectos Nacionais de FEUGA falou sobre as iniciativas levadas a cabo para a redución de antibióticos e antiparasitarios de forma sostible en cunicultura, avicultura e porcino, a través, por unha banda, do deseño e introdución de diferentes dietas baseadas no uso de proteínas, fibras, algas e fungos e, por outro, da aplicación de fungos antagónicos dos parasitos presentes no medio. A segunda titulouse “De residuo a recurso: xeración de enerxía térmica e eléctrica a partir de residuos avícolas. Proxecto Avienergy” e centrouse neste proxecto, consistente nun grupo operativo supra-autonómico que promove un aproveitamento máis eficiente dos residuos xerados na actividade avícola, a través de valorización das dexeccións das explotacións avícolas para a obtención de enerxía térmica e eléctrica para as propias granxas e de materiais fertilizantes para o aproveitamento de nutrientes en chan.

A última delas versou sobre agricultura de precisión con millo forraxeiro en Galicia e explicou o traballo do grupo operativo galego Millopreciso, o cal busca o desenvolvemento da agricultura de precisión en Galicia no cultivo do millo forraxeiro. Esta técnica permite unha xestión máis eficiente dos recursos agrícolas mellorando a produtividade dos cultivos mediante a análise de datos recolleitos durante todo o ciclo produtivo do cultivo. O proxecto céntrase no desenvolvemento dun sistema de limpeza dos mapas de rendemento do cultivo para depurar os datos recolidos polas colleitadoras autopropulsadas de forraxe. Isto permitirá optimizar a elaboración de prescricións para realizar aplicacións a doses variables de sementes e fertilizantes no cultivo do millo forraxeiro

Tanto esta xornada como a anterior contaron coa participación de Ánxela Montero, responsable da Unidade de Xestión de Proxectos Europeos e Xestora Senior en Innovación e Proxectos Nacionais de FEUGA, sumándose nesta última Javier Bueno, investigador do Grupo BioMODEM da Universidade de Santiago de Compostela.

Máis xornadas, demostracións e experiencias agroalimentarias

No marco do certame tamén se levaron a cabo ou se celebrarán esta tarde outras conferencias con gran atractivo para os profesionais do sector, sobre a raza Fleckvieh Austria, un novo enfoque no manexo da transición, transformación de sistemas clásicos de explotacións a un agroecosistema sostible, san e circular, valorización do xurro ou como obter 20.000€ ao ano co xurro de 100 vacas ou 1.000 porcos, optimización do arranque da lactación, documentación e agricultura de precisión e agricultura 4.0.

Sobre estes dous últimos aspectos súmanse ademais dúas demostracións, de autoguiado con terminal Isobus e de sincronización de máquinas.

Ademais, por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, tanto hoxe como todos os días do certame desenvólvense sesións gastronómicas con produtos galegos con indicativo de calidade: Ternera Gallega, Lacón Gallego e os catro queixos con denominación de orixe –isto é, Cebreiro, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Queixo tetilla–, acompañados de viños galegos con denominación de orixe e pan das indicacións xeográficas protexidas Pan Galego e Pan de Cea. Teñen lugar na aula de Experiencias de Calidade que esta entidade ten na feira e na o que se desenvolven actividades de cociña en directo coa degustación destes produtos, dirixidas polo chef José Luis Mallón, da empresa Remollo, en colaboración con persoal dos consellos reguladores implicados.