- ESTA IMPORTANTE AFLUENCIA RESPONDE AO ATRACTIVO DESTA CITA PARA OS PROFESIONAIS DO SECTOR, QUE ENCONTRAN NELA UNHA FEIRA TECNOLÓXICA APLICADA AO CAMPO QUE DÁ RESPOSTA ÁS SÚAS NECESIDADES
- DURANTE OS SEUS TRES DÍAS ESTIVERON PRESENTES 424 FIRMAS EXPOSITORAS E CELEBRÁRONSE MÁIS DE 40 CONFERENCIAS, CONCURSOS, DEMOSTRACIÓNS E EXPERIENCIAS AGROALIMENTARIAS
Silleda, 4 de marzo de 2023- A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, acaba de pechar as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA tras recibir desde o pasado xoves a 18.986 visitantes. Estes procedían tanto de toda Galicia como doutras comunidades autónomas, especialmente de Asturias, Cantabria e Castela-León, pero tamén doutros puntos como País Vasco ou as Illas Canarias. Ademais, rexistráronse visitantes estranxeiros, esencialmente de Portugal, pero tamén de Francia ou Italia.
Unha importante cifra de visitantes que se incrementa lixeiramente respecto á última edición e que responde o atractivo deste certame para os profesionais do sector, os cales atopan en Abanca Cimag-GandAgro unha feira tecnolóxica aplicada ao campo con presenza das últimas innovacións e que dá resposta ás súas necesidades.
Esta edición contou con 424 firmas expositoras procedentes de 26 países, das cales 168 eran expositores directos de España, Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia e Portugal, e as restantes 256 eran marcas representadas. Este elas, propostas de sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética e animal vivo, equipamentos para agricultura e gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria para explotacións gandeiras, de recolección e post-recolección, de preparación de chan e tamén de semente e abonado, ademais de compoñentes e accesorios.
Estes datos supoñen que Abanca Cimag-GandAgro continúe sendo a segunda feira en número de expositores e visitantes de cantas celebra a Feira Internacional de Galicia ABANCA, tras a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.
Un aspecto que fai pensar na necesidade de máis superficie cuberta para futuras edicións. Non en balde o certame ocupou os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2 que albergou as ganderías de vacún frisón e que se instalou expresamente para esta feira.
Máis de 40 propostas no seu programa
Respecto ás actividades do certame, contou con máis de 40 propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos do sector, as cales supuxeron un salto cualitativo desta cita como foro de análise e intercambio de coñecementos.
As conferencias tiveron un papel destacado pola súa diversidade, actualidade e interese. Así, acolleu o XXV Monográfico de Gando Porcino e as Xornadas de Cunicultura, ademais de conferencias sobre nutrición animal e manexo para a redución de medicación en gandería, valorización de xurro, xeración de enerxía térmica e eléctrica a partir de residuos avícolas, redución de consumo enerxético dunha explotación, transformación de sistemas clásicos de explotacións a un agroecosistema sostible e san, particularidades sobre razas gandeiras, novidades da Política Agraria Común (PAC), formación e información para a incorporación de persoas mozas ao rural por parte da Consellería do Medio Rural ou agricultura 4.0.
Os concursos tamén contaron con gran importancia na feira, celebrándose os morfolóxicos XXXVI Open Internacional e XXXI Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 165 exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña, País Vasco e Castela e León. A vaca Serrada Chantel Chief, propiedade de La Serrada & QuimS. & Agriber & Quality & Jose A.Hernandez, de Ávila (Castela e León) foi a Vaca Gran Campioa no concurso internacional, mentres que Rey 814 Beemer Yuri, de SAT Rey de Miñotelo, de A Pastoriza (Lugo) foino no autonómico. O Mellor Criador tanto Internacional como Autonómico foi SAT Rey de Miñotelo. Ademais, Rey 1085 Moovin Soly ET, da SAT Rey de Miñotelo, foi a xovenca Gran Campioa no autonómico e Venturo Thunder Storm Almira, da gandería Casa Venturo, de Salas (Asturias) no internacional. Onte sumáronse a eles o XIV Concurso Internacional de Preparadores de Gando, sendo campioa Lorena Rodríguez Alvite, da gandería Melchora, de A Pastoriza (Lugo), e tamén o XXXVI Concurso de Xóvenes Manexadores, no cal venceu Llorenç Bosch Pons, de Ciudatella de Menorca (Baleares).
Así mesmo, leváronse a cabo dous concursos que premiaron innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, aos cales se presentaron 30 propostas. Foron o Abanca GandAgro Innova, no que gañou un modelo de mellora de benestar animal en maternidade en explotación porcina, e o Máquinas Destacadas Cimag, no que se distinguiron 12 innovacións
Ademais, no ring do recinto realizáronse diversas demostracións de agricultura 4.0, centradas en sincronización de máquinas e autoguiado, e a Consellería do Medio Rural contou cunha Aula de Experiencias de Calidade que albergou diariamente “sesións gastronómicas” con produtos galegos con indicativo de calidade.
Por outra banda, a este completo programa uníronse outras actividades realizadas polos expositores nos seus stands.