- ESTA CUARTA EDICIÓN DO CERTAME VOLVERÁ OCUPAR OS DOUS PAVILLÓNS PRINCIPAIS DO RECINTO E UNHA CARPA ANEXA QUE ALBERGARÁ AS GANDERÍAS DE VACÚN FRISÓN PARTICIPANTES
- DURANTE OS SEUS TRES DÍAS CELEBRARÁ MÁIS DE 40 CONFERENCIAS, CONCURSOS, DEMOSTRACIÓNS E EXPERIENCIAS AGROALIMENTARIAS, CONFORMANDO UNHA PROPOSTA QUE SUPÓN UN SALTO CUALITATIVO DESTA CITA COMO FORO DE ANÁLISE E INTERCAMBIO DE COÑECEMENTOS
- SERÁ INAUGURADA OFICIALMENTE POLO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, ALFONSO RUEDA, QUEN ESTARÁ ACOMPAÑADO DO VICEPRESDENTE SEGUNDO E CONSELLEÍRO DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES, DIEGO CALVO, E DO CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL, JOSÉ GONZÁLEZ
Silleda, 1 de marzo de 2023- A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, abrirá as súas portas desde mañá ata o sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA coa presenza de 424 firmas expositoras de 26 países, das cales 168 son expositores directos e 256 son marcas representadas.
Os expositores directos, que proceden de distintos puntos de España, Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia e Portugal, ocupan unha superficie neta de 11.827 metros cadrados. Esta repártese entre os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2 que albergará as ganderías de vacún frisón, supoñendo unha superficie bruta de máis de 25.500 metros cadrados.
Esta cuarta edición da feira ofrecerá aos visitantes gran cantidade de propostas, de, entre outros ámbitos, sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética e animal vivo, equipamentos para agricultura e gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria para explotacións gandeiras, de recolección e post-recolección, de preparación de chan e tamén de semente e abonado, ademais de compoñentes e accesorios.
A feira será inaugurada oficialmente mañá ás 17.30 horas polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen estará acompañado polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o conselleiro do Medio Rural, José González, outras autoridades e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.
Foro para a transferencia de coñecementos
Respecto ás actividades do certame, contará con máis de 40 propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos do sector, as cales supoñen un salto cualitativo desta cita como foro de análise e intercambio de coñecementos.
As conferencias terán un papel destacado pola súa diversidade, actualidade e interese. Así, acollerá o XXV Monográfico de Gando Porcino e as Xornadas de Cunicultura, ademais de conferencias sobre nutrición animal e manexo para a redución de medicación en gandería, valorización de xurro, xeración de enerxía térmica e eléctrica a partir de residuos avícolas, redución de consumo enerxético dunha explotación, transformación de sistemas clásicos de explotacións a un agroecosistema sostible e san, particularidades sobre razas gandeiras, novidades da Política Agraria Común (PAC), formación e información para a incorporación de persoas mozas ao rural por parte da Consellería do Medio Rural ou agricultura 4.0.
Os concursos tamén contarán con gran importancia na feira, celebrándose os morfolóxicos XXXVI Open Internacional e XXXI Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 165 exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña, País Vasco e Castela e León; XIV Concurso Internacional de Preparadores de Gando e XXXVI Concurso de Xóvenes Manexadores. Así mesmo, levaranse a cabo dous concursos que premiarán innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos. Serán o Abanca GandAgro Innova e o Máquinas Destacadas Cimag, aos que se presentaron 30 propostas.
Ademais, no ring do recinto realizaranse diversas demostracións de agricultura 4.0, centradas en sincronización de máquinas e autoguiado, e a Consellería do Medio Rural contará cunha Aula de Experiencias de Calidade que albergará diariamente “sesións gastronómicas” con produtos galegos con indicativo de calidade.
Por outra banda, a este completo programa uniranse outras actividades realizadas polos expositores nos seus stands.
Segunda feira da FIGA en expositores e visitantes
Esta Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería ten conformado dende a fusión en 2015 do certame de maquinaria Cimag e o agrogandeiro GandAgro un interesante punto de encontro para todo o sector.
Isto supuxo que esta cita sexa a segunda feira en número de expositores e visitantes de cantas celebra a Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA), tras a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Un aspecto que xa se revalidou en canto a expositores e que con seguridade tamén se fará en canto a visitantes.