- CELEBROUSE ESTA MAÑÁ NA IV FEIRA PROFESIONAL DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA, ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2023
- ESTA TARDE LEVARASE A CABO O XXXVI CONCURSO INTERNACIONAL DE XÓVENES MANEXADORES E MAÑÁ OS MORFOLÓXICOS XXXVI OPEN INTERNACIONAL E XXXI AUTONÓMICO DA RAZA FRISONA
Silleda, 3 de marzo de 2023.- Lorena Rodríguez Alvite, da gandería Melchora, de A Pastoriza (Lugo), resultou gañadora do XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´23, o cal se celebrou ao longo da mañá no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023. Esta ten lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA ata mañá sábado.
A subcampioa nesta edición foi Lorena Iglesias Vila, da SAT Rey de Miñotelo, tamén de A Pastoriza (Lugo). En canto á Mención de Honra recaeu en Xabier Montes Vilar, da gandería Casa do Rei, de Rodeiro (Pontevedra).
Organizado pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, o concurso foi xulgado por Brian Carscadden, da Asociación Holstein de Canadá.
As partes preparadas a puntuar polo xuíz foron cabeza-pescozo, liña dorso-lumbar, barriga, costelas-corpo, patas, valoración xeral do conxunto, aparencia xeral e final, ademais de valoración do presentador e actitude do presentador.
Ao concurso, patrocinado por Ferplan, concorreron oito novos gandeiros das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra. Os participantes dispuxeron de dúas horas (e 30 minutos máis para os nenos de 15 anos ou menos) para pelar e preparar ao animal.
Xóvenes Manexadores
Esta tarde terá lugar o XXXVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, no cal os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais.
Mañá será a quenda dos prestixiosos concursos morfolóxicos XXXVI Open Internacional e XXXI Autonómico da Razas Frisoa, nos que participan 165 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela-León e Cataluña.