Un modelo de mellora de benestar animal en maternidade en explotación porcina gaña o concurso Abanca GandAgro Innova 2023

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • UN PÓRTICO PREFABRICADO EN FORMIGÓN DE CANTO REDUCIDO PARA VENTILACIÓN FORZADA E UN DISPOSITIVO DE MONITORIZACION E XEOLOCALIZACIÓN PARA GANDO CON RECOÑECEMENTO DE ACTIVIDADE EN TEMPO REAL FORON MERECEDORES DUNHA MENCIÓN
  • ESTES GALARDÓNS FORON ENTREGADOS ESTA TARDE NO MARCO DO CERTAME AGROPECUARIO ABANCA CIMAG-GANDAGRO, A CAL SE CELEBRA ATA O SÁBADO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 2 de marzo de 2023.- Un modelo de mellora de benestar animal en maternidade en explotación porcina, presentado pola empresa Nutrimentos Deza (Nudesa), de Silleda (Pontevedra), resultou gañador no concurso de innovación Abanca GandAgro Innova 2023. Este foi celebrado hoxe no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, a cal ten lugar ata o sábado no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Este sistema consiste na creación dun módulo onde conviven porcas soltas coas súas camadas desde cinco días antes do parto ata o destete. Con el conséguese obter leitóns destetados con ausencia de caudofagia (un trastorno do comportamento que consiste en morder aos outros porcos) e pesos e mortalidade equiparable aos destetados en módulos tradicionais, en gaiolas de maternidade. Ademais, auméntase o número de amamantamentos durante a lactación e durante a transición conséguese unha redución da agresividade e que os leitóns alimentados sen medicación non teñan incidencias sanitarias significativas.

Mencións

Por outra banda, unha das mencións recaeu nun pórtico prefabricado en formigón de canto reducido para ventilación forzada, presentado por Prefabricados Faro, de Rodeiro (Pontevedra),

Cunhas dimensións similares a un pórtico metálico, para non entorpecer a ventilación forzada en naves que a requiran, trátase dunha estrutura prefabricada de formigón para cuberta de nave gandeira cunha configuración que permite o funcionamento da ventilación forzada lonxitudinal e evita a existencia de ocos na cuberta onde se produce a acumulación de sucidade. Con este tipo de pórtico conséguense as mesmas dimensións, pero en formigón, o que evita mantemento e corrosión, así como unha mellora nas desinfeccións e as limpezas en cada lavado. Ao mesmo tempo, conséguese maior resistencia en caso de incendio.

A outra mención recaeu no dispositivo de monitorización e xeolocalización para gañado con recoñecemento de actividade en tempo real Rumi, de Innogando, empresa de Abadín (Lugo). Este dispositivo permite controlar as actividades do animal: rumiar, pastar, descansar, comer, camiñar e actividade elevada, é dicir, saber como e onde está o animal en todo momento. Coa integración destes datos, pode detectar cando un animal está en celo e xerar a xanela óptima de inseminación. Ademais, está asociado a unha App móbil onde se rexistra o censo da explotación xunto con todos os eventos asociados aos animais que forman parte da mesma.

Estas propostas foron xulgadas por sete expertos que representaron á Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Centros de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, Parque Tecnolóxico de Galicia, Escola Politécnica Superior de Lugo e Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Os galardóns foron entregados esta tarde por parte dos membros do xurado e o coordinador de Abanca Agro en Galicia, Alberto Silva.

Concursos de innovación

Ademais deste concurso, no cal participaron 10 propostas, Abanca Cimag-GandAgro celebrou hoxe outro certame centrado na innovación, o Máquinas Destacadas Cimag 2023, dirixido a premiar as novidades tecnolóxicas en maquinaria destacadas polos seus avances en deseño, prestacións e calidade de traballo. Nel foron destacadas 12 propostas.

Ambos os concursos, aos cales concorreron un total de 30 propostas presentadas por 21 empresas expositoras, son unha mostra da aposta de Abanca Cimag-GandAgro 2023 por potenciar a innovación no sector agropecuario.